A pegada ecolóxica

Continuamente oímos falar da existencia da degradación dos ecosistemas e da destrución da biodiversidade, o esgotamento dos recursos e a contaminación ambiental, ou o proceso crecente da urbanización e a perda da diversidade cultural, e todo isto nos leva a falar dunha crise planetaria. As principais causas son o hiperconsumo das sociedades desenvolvidas, un crecemento económico insustentable e a explosión demográfica.

É posible coñecer como as nosas actividades afectan á degradación do ambiente? Para que isto sexa medido dispoñemos do termo PEGADA ECOLÓXICA.

Como se define a pegada ecolóxica? É a área de terreo bioloxicamente produtivo necesaria para producir os recursos utilizados nas nosas actividades diarias e para asimilar o lixo xerado polas mesmas.

A pegada ecolóxica mide cantos recursos naturais (terreo construído, cultivos, mar produtivo, pastos e enerxía) utiliza a xente para manter o seu estilo de vida (vivenda e servizos, transporte, alimentación, bens de consumo).

Podemos medir cal é a superficie dispoñible que nos corresponde a cada persoa? Isto calcúlase restándolle ao cuarto da superficie da Terra que é produtiva (12 600 millóns de hectáreas) o 10% que lles correspondería aos outros seres vivos. Quedan 11 340 millóns de ha dispoñibles para o ser humano. Se o dividimos polo número de habitantes que hai no planeta, corresponderíanos a cada persoa 1’75 ha.

A pegada ecolóxica mundial está en 2’2 ha/hab./ano. Isto significa que consumimos un 20% máis do que a Terra pode producir e soportar.

File:World map of countries by ecological footprint.png

1. Entrar na páxina: http://www.myfootprint.org
2. Escoller o teu país e a lingua na cal queres que apareza o cuestionario.
3. Responder as preguntas que se che van facendo.
Así obterás como resultado a túa pegada ecolóxica. O propio programa fará un cálculo de cantos planetas se precisarían se todo o mundo actuase coma ti!

 

Esta entrada foi publicada en Xestión sustentable do planeta. Garda o enlace permanente.